Cafés Lúa, empresa galega con emprazamento en Carballo e máis na Rede (ofrecendo os seus produtos a todo o mundo no establecemento en liña de seu), vén de lanzar o libro electrónico Amor por el café, precisamente na dita tenda dixital e co obxectivo de celebrar os seus vintecinco anos de actividade. Porén, o lanzamento é un xeito de amosar as características “dun produto con importantes achegas para a saúde e a gastronomía”, sinalan nunha reportaxe de Elizabeth López os seus responsables directos. Estamos polo tanto ante un libro dixital que é tamén unha aplicación para smartphones, con técnicas de preparación e receitas, e que representa un xeito de deixar constancia, nos dispositivos, de algo que os impulsores de Cafés Lúa ven todos os días: que o café é un mundo.
Trátase en definitiva da primeira achega destas características sobre o tema do café, específico e clarificador, centrándose tanto na súa difusión (orixes, países onde se cultiva, propiedades contra determinadas doenzas neurolóxicas, características antioxidantes, fonte de fibra) como nos moi diversos xeitos de preparalo e servilo. O libro atópase de balde na tenda en liña de Cafés Lúa para computadores convencionais e para aparellos Android ou iOS. A parte documental da obra vén da man do xornalista Benito García, que contou coa colaboración de Lara Rodríguez. Os creadores do amplo catálogo de receitas son José María Gaspar e Marcelo Negreira, responsables do restaurante Pontemaceira, no río Tambre, e que irrompen no eido do libro electrónico coa axuda do deseñador David Novoa. O ebook acubilla case dúas ducias de receitas baseadas no café, tocándose non só sobremesas e cócteles senón tamén primeiros e segundos pratos.
Cafés Lúa e o restaurante Pontemaceira lanzan un libro electrónico sobre o café
Compartir Este Artigo
