O centro tecnolóxico Gradiant vén de desenvolver unha ferramenta que permite a creación de aplicacións de realidade virtual “de forma rápida e sinxela”, e sen necesidade de coñecementos de programación nin formación previa. A idea dos responsables deste desenvolvemento consistiu polo tanto en democratizar a posibilidade de crear recursos de Realidade Aumentada, un eido de traballo que existe dende hai anos pero que polas razóns que sexan esixía moita formación e experiencia amoreada para os usuarios e desenvolvedores acabados de chegar. Conclusión: moitos destes ficaban fóra deste ámbito.
Agora, os enxeñeiros de Gradiant veñen de mudar o panorama reinante coa súa Ferramenta de Autoría de Realidade Aumentada (HARA). Grazas a ela, informan, xa é posible materializar solucións preparadas para o mercado “sen ter coñecementos de ferramentas complicadas”, permitindo HARA crear aplicacións de Realidade Aumentada sen ter que escribir nin unha soa liña de código. As súas aplicacións poden ir desde a formación de traballadores ata o lecer propiamente dito, pasando pola educación ou a mercadotecnia. “Con esta ferramenta”, explican fontes de Gradiant, “pódense crear aplicacións para smartphones, tablets e nun futuro tamén para os denominados dispositivos wearables, como as futuras lentes ou reloxos intelixentes”. Informar tamén que na actualidade os resultados de HARA están a proba con varias aplicacións, como Tattoo Media, que permite enriquecer os contidos das tatuaxes convencionais con vídeo, audio, ligazóns web ou fotografías.
Gradiant crea unha ferramenta para desenvolver aplicacións de Realidade Aumentada
Compartir Este Artigo
