Televes terá de novo presenza na nova convocatoria de ANGACOM, a feira xermana que é un referente en Europa en materia de tecnoloxías innovadoras de banda larga, cable e satélite. Como cada ano, a cita será na cidade alemá de Colonia e alí Televés, do 20 ao 22 de maio, despregará o seu espazo na caseta D21, dentro do pavillón 10.2. Nesa localización, a empresa compostelá exhibirá ante profesionais de todo o mundo as súas novidades de produtos e solucións para a instalación de servizos de televisión e banda larga para instaladores, operadores de redes e distribuidores de contidos.
“A nosa idea”, sinalan fontes da empresa galega, “é seguir amosando que seguimos na vangarda da tecnoloxía e a fabricación, nun contexto que en Europa está marcado polo despregamento do dividendo dixital e, con iso, a necesidade de protexer as instalacións contra posibles interferencias xeradas polas redes de telefonía 4G (LTE)”.
As novidades que presentará Televés abranguen equipamento para cabeceiras de distribución, equipos de medida, solucións IPTV, fibra óptica e GPON, entre outras tecnoloxías e servizos. Na área de medición, darase a coñecer o novo H30D3 para DOCSIS, que en palabras de Televés “salienta polo seu tamaño compacto, facilidade de manexo e capacidade para procesar o sinal dixital en tempo real”.
No que atinxe ao equipamento para cabeceiras e distribución, presentaranse os módulos T.0X de remultiplexado triplo de dúas saídas en COFDM e QAM. Igualmente amosaranse novos encoders, así como a nova gama de multiswitches e tomas multimedia, “equipos cos que Televés demostra non só a súa capacidade para o desenvolvemento tecnolóxico senón tamén a capacidade de fabricación propia”. Asemade, a caseta de seu disporá dun espazo dedicado á gama de produtos especificamente deseñados para evitar posibles interferencias xeradas polas redes da telefonía móbil 4G (LTE), “que en determinadas circunstancias poden ameazar a correcta recepción do sinal da Televisión Dixital Terrestre”. Entre os equipos LTE Ready de Televés que se exhibirán na feira xermana, destacan as antenas DAT HD BOSS e V Zenit e a gama de filtros de microcavidades e QBOSS.
Televés amosará os seus equipos de fabricación propia na feira xermana ANGACOM
Compartir Este Artigo
