O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) celebrará os días 22 e 23 de maio senllos seminarios en Santiago de Compostela e Vigo para formar a profesionais da Administración de Xustiza en protección de datos, a aplicación da eAdministración e o expediente electrónico. O CPETIG organiza estes seminarios, de oito horas de duración, en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a participación na dirección técnica do bufete Pintos&Salgado, co obxectivo de informar a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e funcionarios dos corpos ao servizo da Xustiza sobre os aspectos máis relevantes da incorporación do uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) a todos os procesos xudiciais.
Así mesmo, tamén pretenden incrementar a seguridade, efectividade e eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas avanzadas e con pleno respecto ao dereito á privacidade dos cidadáns.
Lei Orgánica de Protección de Datos a análise
Segundo informa o CPETIG, o primeiro relatorio, impartido polo Bufete Pintos e Salgado, abordará a obriga que establece a LOPD (Lei Orgánica de Protección de Datos) respecto aos ficheiros da Administración de Xustiza e as medidas de seguridade esixibles para o tratamento dos ficheiros con datos persoais.
Así, analizaranse aspectos como as obrigas do responsable do ficheiro, o consentimento dos afectados, o deber de información no tratamento dos datos, os dereitos dos titulares dos datos e as infraccións e sancións que se poden derivar da súa xestión. Tamén se estudarán as medidas de seguridade para o tratamento dos datos e a súa clasificación.
Na segunda xornada, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Francisco Javier Sanz Larruga exporá os puntos máis relevantes da Lei 18/2011, de 5 xullo, reguladora do uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na Administración de Xustiza. Debullará cuestións como o uso dos medios electrónicos na Administración de Xustiza; os dereitos e deberes dos profesionais deste ámbito nas súas relacións por medios electrónicos; a utilización obrigatoria dos medios electrónicos nos procedementos xudiciais; a sede xudicial electrónica; ou a identificación e autenticación dos usuarios.
Finalmente, Antonio Gudín Rodríguez-Magariños, secretario do Xulgado Central de Instrución nº 6 da Audiencia Nacional, relatará a experiencia na implantación da Administración Xudicial Electrónica, as ferramentas dispoñibles, o éxito obtido na Audiencia Nacional co seu desenvolvemento e as perspectivas de implantación en xulgados e tribunais.
Estes seminarios celebrarase en orde simultánea inversa en Santiago de Compostela (Escola Galega de Administración Pública) e Vigo (Hotel Hesperia), de xeito que en Vigo se impartirán o día 22 os relatorios que se pronunciarán o día 23 en Santiago e viceversa.
O CPETIG, mediante o convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, quere contribuír a formar aos profesionais da Administración de Xustiza no uso das tecnoloxías da información, a súa complexidade técnica e xurídica, e as súas potencialidades para achegar a xustiza aos administrados.
Sinalar por último que non se trata da primeira que ve que o CPETIG colabora coas institucións públicas galegas en materia de formación e asesoramento xudicial. Recentemente, en novembro de 2013, a plataforma profesional que preside Marcos Mata informou dun importante acordo formalizado con Vicepresidencia e destinado a establecer un protocolo de colaboración para a presentación de asistencia pericial, dos profesionais do colexio á Administración de Xustiza de Galicia. En base a este pacto de colaboración, a Dirección Xeral de Xustiza comprometíase a recorrer ao Colexio para o subministro de asesoramento e ditame pericial nos procesos penais nos que un xuíz ou un tribunal requira a proba pericial de oficio, a pedimento do Ministerio Fiscal ou cando a proba fose acordada a solicitude dun beneficiario de asistencia xurídica gratuíta.
O CPETIG formará a profesionais da Xustiza en protección de datos, eAdministración e expediente electrónico
Compartir Este Artigo
