A web Ocioengalicia.com, xestionada pola empresa de Lugo Paralelo 43, vén de incorporar as propostas de ocio de Vigo á súa completa axenda de actividades. E fíxoo integrando no seu tronco principal unha nova póla: a do portal Ocioenvigo.com, unha exposición pormenorizada, detallada e cen por cen actualizada das propostas de lecer, cultura e entretemento da devandita cidade galega e da súa área de influencia. Por certo que ao tronco de Ocioengalicia.com xa lle naceron previamente outras ramificacións, unha por cada unha das grandes cidades galegas (exceptuando Ferrol, que segundo nos contan será a vindeira fichaxe).
Segundo informan dende Paralelo 43, coa incorporación de Ocioenvigo.com ofrécese “unha axenda totalmente actualizada da actividade sociocultural de Vigo amais de diferentes sorteos de entradas a concertos e actuacións, estancias en hoteis, ceas e outros produtos relacionados co consumo de lecer”. Isto é extrapolable a calquera das outras cinco localidades galegas incluídas no servizo, que tamén achegan cadanseu blog especializado.
Por certo que en cada unha das cidades cubertas por Ocioengalicia.com mantense tamén unha listaxe de locais para o ocio e entretemento, como bares, cafetarías, restaurantes e hoteis entre outros. Ademais, os usuarios poden consultar a carteleira do cinema da súa cidade. Por outra banda, permítese tamén participar nos sorteos que están activos na web e consultar o programa de feiras de cada provincia.
Segundo informan os impulsores destes servizos, os usuarios da aplicación visitan unha media de 8,5 pantallas en cada sesión, contándose cunha media de 603 usuarios activos e unha taxa de recorrencia do 87%, “o que indica a fidelidade dos visitantes”. Todas as cidades, coa recente incorporación de Vigo, dispoñen das súas propias redes sociais, salientando a súa actividade en Facebook, Twitter e Tuenti.
Durante o ano 2013, o portal ocioengalicia.com acadou as 500.000 visitas e 1,4 millóns de páxinas vistas, que supón unha media de 2.000 visitas diarias. Os usuarios, sinala Paralelo 43, pasan unha media de 2,16 minutos na web e entran en 3 páxinas en cada unha das visitas. O dato máis destacado do portal, engádese, é a súa porcentaxe de rebote, que é só do 15%, “o que indica a gran aceptación que ten a páxina entre os seus usuarios”.
Dende a empresa tamén salientan o seu papel “de líderes informativos galegos” no eido do lecer, situándose na listaxe xeral que achegamos dende Código Cero no número 64 das páxinas da nosa terra máis visitadas (e escalando posicións). Para concluír, os responsables do portal tamén fan un percorrido da súa traxectoria polas redes sociais, onde amorean 40.000 seareiros (13.100 fans en Facebook, 23.200 en Twitter, 1.800 en Tuenti), ao que cómpre engadir as 120.000 reproducións rexistradas en YouTube das entrevistas que realizan aos artistas que actúan na nosa terra.
Ocioengalicia.com incorpora a ampla información sociocultural xerada por Vigo
Compartir Este Artigo
