O CCG, a través do seu Observatorio, vén de tomarlle o pulso ao noso sector da cultura. O resultado é unha serie de datos positivos, por exemplo que o número de empresas incrementouse ao longo dos últimos cinco anos en 26 unidades, e outros marcadamente negativos. Respecto ao devandito dato positivo, dicir que contrasta coa tendencia amosada polo conxunto do Estado, onde se ten rexistrado un claro descenso. Pola contra, a exportación e produción amosan un comportamento á baixa. Conclusión: a crise pasa factura. Por subsectores, os peor parados son os relacionados co audiovisual (vídeo, TDT, cinema), a radio e a edición musical (pasamos de ter 417 unidades a 387).
Estas e outras cifras forman parte do informe As empresas culturais en Galicia, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega. Neste estudo certifícase que en 2012 tiñamos na nosa terra 5.440 firmas do sector, que representan o 5,4% do conxunto estatal, que conta con 101.342 sociedades. Aínda que as cifras revelan que medraron en 26 unidades, “a realidade á que fan referencia presenta comportamentos diferenciados”. Ou sexa, que algúns subsectores lles foi mellor có outros. Polo regular, foille peor aos que están relacionados coa achega e creación de contidos. Por exemplo, ás empresas de comercio e alugueiro de material audiovisual, “que experimentaron unha baixada significativa (pasando de 1996 a 1783 empresas), mentres que soben bibliotecas, arquivos e museos (que pasaron de 76 en 2008 a 180 en 2012)”.
Medra o número de empresas culturais, pero a crise pásalle factura ás de vídeo e audiovisual
Compartir Este Artigo
