Este venres 23 tituladas/os da segunda promoción do grao en Enxeñaría Informática celebraron o remate dos seus estudos. A estas dúas ducias de estudantes (estudantes a piques de comezar a ser profesionais) sumáronse unha alumna egresada da vixésima primeira promoción de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión e dous estudantes da primeira promoción do Máster en Enxeñaría Informática. En total, 26 egresados e egresadas da ESEI celebrando o seu acto de graduación nunha escola que, en palabras dos responsables da mesma, salienta pola alta taxa de empregabilidade.
Volvendo ao acto de graduación, dicir que nel participou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quen quixo destacar “a importancia de rachar a fenda dixital” e amosou a súa confianza en que a sociedade acollerá moi positivamente “a estes profesionais que precisamente por dominar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación teñen na súa man o poder, cada vez maior, de facer que camiñemos cara unha sociedade máis libre e igual”.
Pola súa parte, Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, salientou perante as novas promocións a importancia de “non ser só bos profesionais senón tamén bos cidadáns”. E engadiu: “Tedes agardando un futuro profesional que, a pesar da crise económica instalada no noso país, dende hai varios anos preséntase prometedor”.
Os estudantes da ESEI de Ourense celebraron o seu acto de graduación
Compartir Este Artigo
