O centro galego AtlantTIC, do que falamos recentemente para informar dunha iniciativa concreta para permitir a gravación e posterior reprodución das clases universitarias (comezando polas da UVigo, que é a institución na que se insire AtlantTIC), vén de obter importantes recoñecementos ao seu labor da man do COIT (Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións) e a AEIT (Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación). Lembrar que estas dúas entidades profesionais celebran cada ano os Premios Enxeñeiros de Telecomunicación, que van pola súa 34 entrega.
Nos galardóns hai 33 categorías das que saen 66 premiados entre gañadores e finalistas e cada un deles son patrocinados polas principais empresas e entidades do sector, entre as que se atopa AtlantTIC.
Segundo informa o centro galego, o gran obxectivo destes premios é o de distinguir a excelencia das mellores teses doutorais e proxectos fin de carreira e máster do ano 2013 realizados por enxeñeiros de Telecomunicación de toda España. Nesta edición participaron 31 centros universitarios que exerceron de xurado dos premios e recoñeceron a calidade de 66 traballos de entre os 115 presentados.
O Centro AtlantTIC, como patrocinador do evento, outorgou dous premios (gañador e finalista) ao Mellor Proxecto Fin de Carreira ou Traballo Fin de Máster en Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación a David Balaguer Andrés da Universitat Politècnica de València e a Víctor Manuel Fernández Laguna da Universidade de Málaga.
Doutra banda, dous investigadores de AtlantTIC foron finalistas en Mellor Tese Doutoral en Servizos Satelitais (Premio HISDESAT) e Mellor Tese Doutoral en Redes e Servizos de Telecomunicación pola Fundación Telefónica. Por unha banda, trátase de José David Rey Iglesias, que recibiu premio HISDESAT polo seu traballo LMSS Radio Channel Characterization for Low Elevation Satellites. Pola outra, José Antonio Gay Fernández recibiu o premio á Mellor Tese Doutoral en Redes e Servizos de Telecomunicación outorgado por Telefónica grazas á súa tese Peer to Peer Propagation in Vegetation Media.
Dous investigadores de AtlantTIC, recoñecidos na nova edición dos Premios Enxeñeiros de Telecomunicación
Compartir Este Artigo
