Etisalat EAU (operador de telecomunicacións de Oriente Próximo) e Telefónica anunciaron esta semana a sinatura dun ambicioso acordo en materia de ciberseguridade. A alianza permitirá, entre outras cousas, que as dúas compañías colaboren no desenvolvemento e materialización dun Centro de Operacións de Seguridade (SOC) nos Emiratos Árabes Unidos (EAU) dotado “coa tecnoloxía máis avanzada”, informa a operadora española. O centro ofrecerá “unha ampla gama de servizos de ciberseguridade a organizacións de todo tipo” e é parte da estratexia SMART de Etisalat para asegurar a infraestrutura de TI pública e privada do dito país árabe.
Ao fío do acordo e de cadanseu cometido, Etisalat impulsará a súa carteira de servizos xestionados a través das plataformas tecnolóxicas fornecidas por Telefónica, o que se traducirá en dispoñer de diversas ferramentas da operadora para detección de ameazas, xestión de vulnerabilidades, seguridade industrial e antifraude. Estes servizos, informan, “axudarán a facer fronte ás ameazas en constante cambio que axexan aos EAU e a acabar coas lagoas de coñecemento en materia de seguridade que actualmente existen no país”.
O acordo supón un paso máis na colaboración que xa existe entre Etisalat e Telefónica, tras a sinatura dun acordo estratéxico de colaboración asinado en 2011. O novo pacto abrangue como dixemos a posta en marcha dun avanzado centro de operacións de seguridade, “dende o que se ofrecerá ás empresas e entidades protección tecnolóxica, seguimento e acceso avanzado aos servizos de correlación de intelixencia de ameazas”, engadiron as dúas compañías.
Telefónica fornecerá aos Emiratos Árabes o seu amplo abano de servizos de ciberseguridade
Compartir Este Artigo
