Finalmente os impulsores do certame galego D3 Mobile Metrology World League (campionato de modelado 3D de precisión con teléfono móbil) entregaron os premios da súa edición 2014. Foi este xoves cando o grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela USCAN3D -en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía- concederon os devanditos recoñecementos aos gañadores deste certame innovador e pioneiro, único a nivel internacional segundo sinala a Universidade de Santiago. Por certo que este ano participaron 600 estudantes de ensino medio de dúas ducias de países de todo o mundo, distribuídos en 200 equipos.
O equipo Tecnosang 4.2 (integrado por Irene Rodríguez Rodríguez, Alejandro González Martínez e Jorge Piedra Dorado, coa coordinación do profesor Antonio Lomba Baz), do IES A Sangriña, do concello pontevedrés de A Guarda, gañou a segunda edición da D3Mobile Metrology World League, a primeira de carácter internacional. Por certo que non é a primeira vez que o IES A Sangriña acada recoñecemento nesta liga, posto que xa logrou un título na primeira entrega do certame.
Pola súa parte, o equipo Da Vinci, do IES Leonardo Da Vinci, de Alacante, formado por los alumnos Verónica Torres Santonja, Óscar Lozano Adán, Juan Antonio Sarmiento Martínez e Gloria Maestre Hortal, coordinados pola profesora Yolanda Hortal Barturen, rematou na segunda praza da clasificación final. A formación alacantina, como equipo debutante mellor clasificado, recibirá o premio D3Mobile do Centro Español de Metroloxía.
Asemade, o galardón ao mellor equipo participante de Latinoamérica recaeu nos mexicanos Jitomates, un grupo formado por dous estudantes da American School Foundation of Guadalajara, de Jalisco, e coordinado polo profesor Yunbum Kim.
O Colexio Apóstolo Santiago, de Vigo, representado por diversos equipos integrados polos alumnos Adrián Alonso Núñez, Giulia Vitulli Quinzán, Abel Villanueva Rey, Francisco Javier Gil Sotelo, Ignacio Anibarro García-Baquer, Sara Simón Collazo, Paula González Luca de Tena, Santiago Domínguez Blanco, Hugo González Aranda, Iago Castro Guzmán, Miguel Duarte Bolado, David Segura Fidalgo, Miguel Conde Gallastegui, Miguel Álvarez Adán e Bernabé Núñez Estévez, que traballaron baixo a coordinación da profesora Isabel Mª Carrillo Paz, foi o centro mellor clasificado nesta segunda edición da D3 Mobile Metroloy League e recibirá como agasallo a raqueta cedida polo tenista Rafael Nadal.
O equipo galego mellor clasificado neste campionato escolar foi o D3MEAÑO4º, do IES de Meaño (Pontevedra), formado por Alexander Góndar Dopazo, Carlos Eduardo Díaz Tineo e David Martínez Valenzuela, e coordinado polo profesor César Fernández Riádigos.
No que atinxe aos equipos da provincia de Lugo que tomaron parte nesta segunda edición de D3Mobile Metrology League, o mellor clasificado volveu ser por segundo ano consecutivo o formado por estudantes do IES Poeta Díaz Dastro de Guitiriz. Este centro, que nesta ocasión participou co equipo PARD3, formado por Francisco Javier Manuel García, Javier Prieto García e Javier Gómez Ares, e coordinado polo profesor José Engroba García, recibirá o premio outorgado pola Deputación Provincial de Lugo.
O certame D3Mobile Metrology entrega os premios da súa edición máis internacional
Compartir Este Artigo
