
Este Punto Científico, cuxo formato xa fora testado previamente noutras localidades (Ourense, Carnota e A Coruña), desenvolveuse de balde e con metodoloxía aberta de participación total na praza do 8 de marzo o sábado 28 de xuño de 12.00 a 14 horas. O evento, no que tomaron parte arredor dunha ducia de socios da asociación, incluíu breves charlas divulgativas sobre temas diversos: postais planetarias, neurociencia, terremotos, epixenética, robótica, agrobioloxía, vida extraterrestre, historia da ciencia, etc. Tamén deu acubillo a demostracións científicas e a unha exposición que mestura ciencia e arte. O obxectivo deste Punto era achegar o coñecemento científico e tecnolóxico ao público xeral dun xeito lúdico e entretido.
Segundo nos contan dende DivulgACCIÓN, as actividades dos científicos e divulgadores do colectivo contribuíron a darlle “un toque didáctico” á festa, e todo “sen desentoar co ambiente xeral festivo da celebración”. No Punto interviñeron Casto Rivadulla, neurocientífico da Universidade da Coruña e divulgador con grande experiencia na organización de cafés-científicos, cunha charla titulada Cambiando a realidade e predicindo o futuro; e Borja Tosar, astrónomo, falou dunha Postal planetaria de rabiosa actualidade. Tamén dentro do ámbito da astronomía, Salvador Bará, profesor de Óptica na USC, desentrañou o misterio da vida extraterrestre na charla Extraterrestres: onde é a festa.
Manuel Vicente, director do programa de radio Efervesciencia da Radio Galega e divulgador, tratou o tema dos terremotos na súa mini-pílula titulada O terremoto das 6. Roberto Agis-Balboa, investigador do Instituto de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, falou sobre a epixenética –interacción entre a xenética e o ambiente- aplicada a doenzas neurodexenerativas, e Rubén Fernández da asociación Bricolabs, un grupo de persoas con inquietudes relacionadas coa electrónica e o hardware libre, deu unha charla-demostración de robótica. Pola súa banda, Conchi Sánchez, Puri Covelo e Nieves Vidal, investigadoras do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSIC, explicaron o cultivo in vitro de árbores a través dun obradoiro para nenos e nenas. Iolanda Casal, xornalista de El Correo Gallego especializada en muller e ciencia, falou da recentemente finada matemática galega María Wonenburger, e, por último, Esteban Fernández, microbiólogo e divulgador, sobre filtros cerámicos.
DivulgACCIÓN achegou o ingrediente divulgador e científico ás populares Festas de San Pedro en Santiago
Compartir Este Artigo
