A empresa de solucións TIC Aratech, con sede en Milladoiro (Ames), e a axencia Enrédate Live veñen de anunciar a creación dun sistema de moedeiro electrónico denominado CashLess, que fará máis doado o pago de produtos de consumo en calquera evento. E que se agocha detrás de CashLess? Pois estamos perante un dispositivo electrónico de pagamento que funciona “de maneira sinxela e rápida”, informan. Está formado por unha aplicación nativa integrada en tablets e smartphone Android, na que os usuarios se rexistran ao chegar ao evento en concreto.
Os asistentes crean o seu perfil no rexistro (nome, apelidos, correo electrónico e teléfono), aínda que tamén poden facer login co seu perfil de Facebook ou mediante a lectura dun código QR. Unha vez creado o perfil vincúlase unha pulseira co chip de tecnoloxía NFC cun sinxelo xesto: pasar a mesma por diante do dispositivo. A continuación, a pulseira xa está lista para recargar o saldo co importe desexado polo cliente, que se irá restando con cada pago que realice. O saldo pode ser consultado sempre que se desexe, achegando a pulseira a calquera dispositivo dos proporcionados para o evento. Outras vantaxes de Cashless son que o usuario só ten que rexistrarse unha vez; a pulseira que contén o chip NFC non se perde, é cómoda e doada de usar. Amais, esta tecnoloxía mantén as súas propiedades e por tanto garda os datos do usuario en todo intre.
Aratech desenvolve un moedeiro electrónico para facilitar o pago de produtos en eventos
Compartir Este Artigo
