
Segundo informaron, “está a xerarse unha forte demanda de profesionais con novas competencias dixitais orientadas ao negocio, e por tanto requírense medidas para adaptar a oferta de formación, de prácticas e de cualificación á realidade demandada polas empresas”. Polo tanto, entre os obxectivos do Centro de Referencia Nacional inclúese o de impulsar o emprego no sector da economía dixital mediante a identificación dos perfís máis demandados en comercio electrónico, mercadotecnia e relacións públicas; a formación ou recualificación dos profesionais para orientalos ás novas saídas laborais; a potenciación do recoñecemento profesional e académico das novas profesións que xurdiron no sector e o fomento das iniciativas emprendedoras.
A Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, acollerá nas súas instalacións o novo Centro de Referencia e encargarase de xestionar as súas actividades, en colaboración coa entidade pública empresarial Rede.es. A Escola de Organización Industrial tamén porá a disposición do Centro a súa plataforma e recursos de formación en liña, así como a súa rede de profesorado. “O Centro”, engaden os ditos ministerios, “contarán co apoio do sector empresarial, cuxa implicación e colaboración son claves para identificar as competencias e perfís máis demandados, facilitar o acceso de alumnos a prácticas e apoiar no desenvolvemento da iniciativa emprendedora”.
