Até 4,7 millóns de computadores persoais infectados e posteriormente liberados. Esta é a cifra de equipos que Microsoft asegura ter ceibado do control dos cibercriminais no transcurso dunha recente operación (desenvolveuse a semana pasada) contra os ataques en liña que o xigante de Redmond cualificou de éxito sen precedentes. A iniciativa foi levada a cabo pola Unidade de Crimes Dixitais da empresa, e todo indica a que terá continuidade. De feito, Microsoft informa que rexistrou a existencia de outros 4,7 millóns de computadores persoais infectados aínda pendentes de liberar. A operación desenvolveuse nun bo número de países, entre os que se atopan India, Paquistán, Exipto, Brasil, Alxeria e México, que son os que acubillan meirande número de máquinas atacadas.
Segundo confirmou a empresa, trátase da iniciativa de loita contra o cibercrime -das dez desenvolvidas ata o de agora pola dita unidade interna- que obtivo as mellores e máis esperanzadoras cifras no que se refire a número de equipos infectados localizados. A raizame da operación estivo no achado dun importante fluxo de datos dirixidos aos servidores de Vitalwerks, compañía estadounidense de servizos en liña e propietaria da web No-IP.com. Pois ben, unha vez localizado este fluxo, Microsoft atopou que estaban a ser usadas contas de balde dos servizos de Vitalwerks para a comunicación dos criminais a través dos ordenadores infectados. A operación deu comezo o pasado 30 de xuño, e no seu punto de mira estaban os programas Bladabindi e Jenxcus, desenvolvidos dende Kuwait e Alxeria. Trátase de infeccións de gran incidencia en múltiples países, complexas de erradicar dos computadores e que amosan un comportamento moi semellante.
Microsoft asegura ter ceibado de infeccións 4,7 millóns de computadores
Compartir Este Artigo
