Temos nova rede social para facerlle a competencia, ou polo menos tentalo, ás comunidades en liña máis ateigadas. Trátase de beQbe e un dos seus puntos fortes semella ser a súa sinxeleza de uso. Segundo contan os responsables deste servizo, trátase dunha plataforma que facilita e simplifica a xeración e o intercambio de información (textos, vídeos, imaxes, música, ligazóns, etc) a través dunha serie de cápsulas de coñecemento que se coñecen como Qubes e que son en boa medida o gran distintivo desta nova proposta, unha iniciativa que o vai ter complicado nun escenario tan competitivo pero que salienta pola súa arela de querer botar un pouco de aire fresco no panorama 2.0.
Outra das grandes vantaxes deste rede social parece ser o seu forte vencello co modo de funcionamento dos blogs, unhas ferramentas de comunicación coas que todo fillo de veciño na Rede debera estar ben familiarizado xa a estas alturas. Porque de feito, as ditas cápsulas de información (mesturas de vídeo, cancións, imaxes ou textos, o que se queira) son coma as bitácoras de cada quen nos principais servizos de achega de blogs, tipo WordPress.
En definitiva, beQbe posibilítanos fornecer entradas permanentes e actualizables, coa vantaxe de que podemos dar conta desta actividade con notificacións aos restantes usuarios. Segundo explican os desenvolvedores desta rede, co devandito preténdese sacarlle vantaxe a servizos como Facebook, onde os posts son temporais e non se acubillan sistematicamente. Outra das grandes vantaxes é que deixa marxe ao usuario para que tire partido económico das súas contribucións. Ou sexa, que podemos gañar cartos co tráfico xerado. Isto acádase grazas á publicidade que incluamos nos nosos sitios propios coma fariamos se se tratase dun blog. Ademais, os Qubes que obteñan maior repercusión tamén poderán obter compensación económica (igual que fai YouTube cos youtubbers que acadan maior número de visitas).
BeQbe, nova rede social que funciona como un sistema de blogs avanzado
Compartir Este Artigo
