No lanzamento de Google+ dende a compañía de Mountain View quixeron que esta plataforma social identificase claramente a persoas, polo que estableceron moitas limitacións á hora de definir o nome que aparecería no sistema, o que marxinou a un bo número de persoas que non desexan empregar o seu nome real (en moitos casos, simplemente por non seren recoñecidos polos mesmos), postura que tiveron que flexibilizar co tempo para, por exemplo, permitir que os usuarios de páxinas en Google+ puidesen empregar calquera nome (en boa medida para que os usuarios de YouTube puidesen trasladar os seus nomes de usuario a Google+) e agora dan un paso máis na mesma dirección, eliminando as restricións nos nomes que podemos empregar na plataforma social de Google.
Cómpre destacar que o sistema continúa a tomar certas precaucións como non permitir os cambios de nome frecuentes, á vez que continúa a esixir que se cubran os datos de nome e apelido (aínda que como apelido acepta incluso un punto se alguén quere identificarse directamente polo seu alcume). Tamén hai que ser conscientes que as normas de uso de Google non permite o emprego de nomes que poidan considerarse ofensivos.
Google+ xa non esixe que empreguemos o noso nome real
Compartir Este Artigo

