Tras a absorción da división de móbiles de Nokia por parte de Microsoft parecía inevitable unha reestruturación da compañía, que finalmente anunciou hoxe o director xeral da compañía, Satya Nadella, que remitiu un correo electrónico aos seus traballadores no que avanza os plans estratéxicos de Microsoft. Para simplificar a súa estrutura anuncian que durante o vindeiro ano reducirán 18.000 postos de traballo, dos que 12.500 corresponderán a traballadores da anterior Nokia.
A operación de reestruturación desenvolverase substancialmente de aquí ao 31 de decembro (período no que agardan prescindir de 13.000 traballadores), agardando que estea totalmente completa o 30 de xuño de 2015.
Pero non só eliminarán postos de traballo, senón que tamén mudarán distintos procesos internos, buscando que a compañía poida ser máis rápida e áxil, modernizando os seus procesos de enxeñaría e reducindo as capas de xestión, para acelerar o fluxo de información e a toma de decisións, ou sexa, adoptando unha estrutura corporativa máis plana.
Máis Lumia e menos Nokia X
No que se refire á división de móbiles tamén asegura que pretenden facerse cun maior oco no mercado dos terminais de maior prezo, polo que buscarán continuar a innovar, á vez que tamén detallan que pretenden transformar algún dos deseños da familia Nokia X a produtos da familia Lumia (ou sexa, correndo Windows Phone) polo que dá a impresión de que Microsoft repensou a súa estratexia de cara á venda de dispositivos con Android que fixesen uso de servizos de Microsoft.
Algunhas fontes tamén están a apuntar que realmente non se trata dunha pequeno reaxuste do negocio móbil de Nokia, senón que suporía que a única familia de produtos que Microsoft mantería dentro de 18 meses sería a Lumia, mentres que os terminais máis básicos e as familias Asha, Series 40 e Nokia X desaparecerían por completo entrando en breve en modo de mantemento ata a finalización do seu soporte.
