O anuncio da reestruturación de Microsoft está a ter repercusións máis aló do previsible despedimento de boa parte da forza de traballo de Nokia tras a súa absorción, levando a que a liña de produtos Nokia X, que está a estrear a súa segunda xeración, abandonará o experimento con Android e mudará en dispositivos con Windows Phone e incluso eliminará todas as liñas de produto de Nokia distintas á familia Lumia, de xeito que diremos adeus a os terminais básicos de Nokia, á familia Nokia Asha, aos Series 40… será a desintegración da Nokia de sempre, para converterse simplemente no fabricante dos móbiles insignia con Windows Phone.
Microsoft tamén estaría a planear a venda de Nokia MixRadio, que estaría a pasar a un modo de mantemento como os móbiles de Nokia que non teñen Windows Phone, en espera de que apareza un comprador para este servizo musical.
Por fortuna, a división de videoxogos de Microsoft non estará entre os recortes da compañía, e a Xbox continuará adiante pese ás opinións de directivos como Stephen Elop (partidario da escisión de tal división) pero sen saír indemne da reestruturación, e Phil Spencer remitiu un comunicado aos empregados de Xbox para dar conta de como lles afectarán os cambios anunciados hoxe, e parece que limitarase ao proxecto Xbox Originals, anunciado hai poucas semanas, e que consistiría en series de televisión producidas por Microsoft, e que finalmente limitaranse aos proxectos que xa están en marcha como a serie baseada en Halo. Deste xeito os Xbox Entertainment Studios terán que enfrontar o peche en poucos meses, xa que Satya Nadela quere que Microsoft centre os seus esforzos en áreas máis produtivas e seguras.
De feito, a división de videoxogos de Microsoft parece estar a mellorar considerablemente, e no primeiro mes dun modelo de Xbox One sen Kinect conseguíronse dobrar as vendas da nova consola, aínda que a este anuncio reaccionaron dende Sony confirmando que a PS4 continúa a ser a consola de videoxogos de nova xeración máis vendida nos EE.UU.
Microsoft abandonará os móbiles de Nokia sen Windows e os seus estudios televisivos
Compartir Este Artigo

