A Comisión de Cultura do Congreso aprobou hoxe a reforma parcial da Lei de Propiedade Intelectual para remitila ao Senado co apoio en solitario do Partido Popular, tras unha sesión extraordinaria na que se pactaron 9 emendas transaccionais das 169 emendas presentadas. Es reforma apróbase sen pasar polo pleno do Congreso, e continuará a súa tramitación para poder conseguir a súa aprobación definitiva no mes de setembro ou outubro pese á oposición de boa parte da Industria dos contidos á que o texto asegura pretender protexer.
Un dos puntos que está a provocar máis malestar e rexeitamento é a creación dunha compensación económica para editores de novas pola explotación de contidos que dende partes a favor do texto definen como taxa Google, mentres que os opositores prefiren chamala canon de AEDE, pois vén a ser unha taxa moi semellante ao impopular canon da SGAE, só que a cobrarán principalmente as cabeceiras xornalísticas en vez das entidades de dereitos de autor.
Para oporse a este novo gravame especialmente negativo para o desenvolvemento de certos negocios na Internet (como os agregadores de contido ou incluso as plataformas sociais nas que os usuarios poidan compartir contidos da web) formouse a Coalición Prointernet, da que forman parte a asociación de editores de prensa AEEPP, a Asociación Española de Economía Dixital (ADigital), a Asociación de Internautas, Google, numerosos editores de blogs, medios como 20 Minutos e El Diario, e numerosos profesionais a título individual, deixando claro que incluso os produtores de contidos consideran negativo gravar o feito de compartir contidos informativos a través da Internet, acusando a certos grandes medios tradicionais de presionar ao Goberno para que aprobe este tipo de medidas que consideran absurdas, xa que cobrar a plataformas que levan tráfico aos medios tradicionais non parece que sexa unha medida racional e, de feito, non se aplican taxas semellantes noutros territorios.
A reforma da Lei de Propiedade Intelectual avanza na súa tramitación
Compartir Este Artigo

