O Ministerio de Industria, a través da Entidade Pública Empresarial Red.es, seleccionou o Clúster TIC Galicia como entidade colaboradora do seu terceiro programa de axudas Mentoring en comercio electrónico, que dispón dun orzamento total de 18 millóns de euros para axudas e que se dirixe, como o seu propio nome indica, a fomentar e espallar a actividade comercial en liña (compra, venda, distribución, promoción) entre as PEME e os autónomos. O Clúster executará este proxecto a través das empresas socias Aaccentia, Abertal, Ava e Visual Publinet.
O programa, tendo como base o devandito fomento do comercio electrónico entre PEME e traballadores por conta propia, diríxese tamén a permitir un mellor posicionamento dos mesmos en Internet amais de achegar enerxía para a busca de novos clientes e mercados.
O Clúster TIC Galicia é unha das empresas homologadas para prestar os servizos de asesoramento especializado do Lote I desta convocatoria entre aquelas empresas que resulten beneficiarias do programa. Segundo informa a alianza empresarial galega, poderán solicitar estas axudas aquelas PEME e autónomos que teñan un equipo inferior a 250 empregados, un volume de negocio anual que non exceda de 50 millóns de euros e non ter sido beneficiarios das convocatorias de axudas de Red.es Programa de Mentoring en Comercio Electrónico ou Programa de asesoramento a PEME en Comercio Electrónico B2C. Asemade, esíxese que tanto o seu domicilio social ou fiscal, como a situación do establecemento no que se prestarán os servizos e implantaranse as solucións tecnolóxicas, estean establecidos na mesma cidade ou comunidade autónoma e sempre unha das seguintes: Andalucía, Aragón, Asturias, Castela – A Mancha, Ceuta, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Illas Canarias, Melilla, Murcia e Navarra. O prazo para a presentación de solicitudes ficará aberto ata o 9 de setembro de 2014 ás 13:00 horas (hora peninsular). Durante este período os candidatos poderán consultar as bases e enviar as solicitudes a través da web de Red.es.
