O Ministerio do Interior vén de lanzar Alertcops, unha aplicación móbil de alertas de seguridade cidadá dirixida a ofrecer “unha atención rápida e eficaz”, ao tempo que se pon en xogo “tecnoloxía moderna e de acceso doado”. Así o fixo saber perante os medios Jorge Fernández Díaz, ministro do Interior, quen salientou que o sistema está implantado xa nas provincias de Málaga, Alacante e Madrid, e que ao longo do ano vindeiro irase afianzando en todo o territorio estatal. Tamén fixo saber que en só catro días, a aplicación acadou case 17.000 descargas, “situándose entre as apps de balde máis descargadas e mellor valoradas”.
A ferramenta, indo ao miolo da mesma, pon en xogo unha mellor e máis estreita colaboración entre cidadanía e corpos policiais estatais. Permite alertar sobre situacións de delito e achega a posibilidade de enviar estes avisos de xeito xeolocalizado.
A aplicación, dispoñible nas tendas dos sistemas operativos Android (Play Store) e iOS (App Store), semella ser de doado manexo. Para comezar, teremos que rexistrar o noso terminal e facilitar os nosos datos persoais. Unha vez feito isto, o sistema enviaranos un código de validación nunha mensaxe de texto, grazas ao cal podermos rematar o proceso de alta. Instalada a aplicación, estaremos en disposición de xerar unha alerta seleccionando, a través de iconas, a opción que mellor describa a situación que queiramos reportar ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Aceptando a confirmación da alerta, a nosa información e a nosa localización serán remitidas ao Centro de Atención do Corpo Nacional de Policía ou da Garda Civil.
A aplicación Alertcops permitirá achegar alertas de seguridade aos corpos policiais
Compartir Este Artigo
