A compañía Google semella que quere mover ficha e afastarse da vaga críticas dunha boa parte dos internautas que lle achacan ser permisiva de máis no que a spam chegado a través do seu servizo Gmail se refire. Falamos de cousas como esas suxestións personalizadas de produtos que nos chegan unicamente por ter feito determinadas buscas específicas. Pois ben, polo visto as cousas non serán tan así no servizo de correo Gmail. Ou, polo menos, non serán así se nós non o queremos. Google vén de anunciar unha nova función, en breve operativa, para cancelar de xeito doado as nosas subscricións a boletíns de publicidade.
Cómpre lembrar a este respecto, para quen non o saiba, que existen ferramentas na Rede que almacenan a nosa conta de correo electrónico para logo enviarnos publicidade e correo lixo. Servizos como Gmail e outros achegan un bo filtrado destes contidos, pero ou ben non sabemos como darlle uso ou ben sempre acaba por coarse algo. Ou ben non queremos recibir nada do devandito, nin sequera a través do cartafol de spam. A intención de Google, responsable de Gmail, é simplificar as cousas no que a separar o gran da palla se refire.
De feito, o buscador ten entre mans unha nova función que, ante todo, salienta polo doado do seu emprego: cada mensaxe de correo incluirá, ao carón do enderezo da conta, a posibilidade de cancelar a posible subscrición. Se finalmente se trata dun boletín non desexado, daremos coa fórmula para non recibilo máis, sempre e cando non deamos de novo o noso enderezo pola Rede onde non debemos dalo. Esta ferramenta chámase Unrrol.Me e semella un axeitado recurso para ceibarnos de todo aquilo que enche a bandexa de entrada da nosa conta e non nos serve para nada.
Gmail habilitará unha función para arredarnos da publicidade non desexada
Compartir Este Artigo
