Este mes de agosto que vimos de deixar atrás, o centro AtlantTIC (Universidade de Vigo) lanzou unha máis que interesante convocatoria para estudantes graduados en Telecomunicación que desexen recibir unha formación avanzada e especializada no seu ámbito natural de actividade (por aprendizaxe e vocación). Ou sexa, nun ámbito de referencia internacional en investigación en telecomunicacións como o que ofrece o propio centro vigués. Máis polo miúdo, a convocatoria (o Premio AtlantTIC 2014) pon en xogo 10 premios de 4.000 euros e contrato a tempo parcial durante dous anos.
Lembrar que AtlantTIC é unha agrupación de grupos de investigación universitarios constituída como centro de investigación en 2010. Foi posto en marcha ao abeiro da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e apoiado nun factor tan decisivo como a suma de esforzos. O centro é hoxe en día un importante foco de coñecemento arredor das TIC, cubrindo todas liñas de coñecemento e investigación relacionadas coas teleco, desde radiocomunicación e procesado de sinal, pasando pola enxeñaría telemática.
Volvendo ao premio, sinalar que o prazo para presentármonos á convocatoria remata o 15 de setembro, estando dispoñible na Rede as bases específicas para a súa consulta (en formato PDF). A presentación das candidaturas do proxecto realizarase a través do correo electrónico atlanttic@uvigo.es. O xurado fará unha preselección das candidaturas presentadas e comunicará os resultados da mesma antes do 22 de setembro. O premio valorará ao alumno segundo o expediente, a entrevista persoal e a adecuación do seu perfil ás prazas ofertadas.
O centro AtlantTIC busca os dez mellores expedientes
Compartir Este Artigo
