O Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole vén de abrir o prazo de recepción de proxectos para a Galiciencia 2014. Poderemos presentar os nosos achados na feira, a maior de Galicia das súas características e unha das máis salientables de todo o Estado, ata o vindeiro 26 de outubro. Os equipos de estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP aspirantes poderán facer chegar as súas propostas innovadoras ata esa data para competir no proceso que levará á selección dos 50 participantes definitivos. O evento chega á súa novena edición e desenvolverase entre o 19 e o 21 de novembro nas instalacións da Tecnópole en San Cibrao das Viñas (Ourense).
Segundo informan fontes do parque, a celebración desta macrofeira de novos científicos (e científicos novos) é posible grazas ao apoio da Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación. Asemade, tamén vén coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Polo que respecta ás novidades deste ano, dicir que está prevista unha sección especial fóra de competición para dar acubillo aos inventos e achados innovadores das nosas nenas e nenos de Primaria. “Trátase dun proxecto piloto que permitirá que os máis pequenos comecen a experimentar coa investigación e a innovación tecnolóxica e que suporá a instalación dun espazo especificamente reservado para eles”, informa a Tecnópole, que tamén engade que nesta edición serán os propios participantes na feira os que dean forma á imaxe da camiseta oficial do evento: o distintivo dos novos científicos que se xunten en Galiciencia. O prazo para enviar propostas é ata o 15 de outubro.
As bases de participación na están dispoñibles na web de Tecnópole.
Xa podemos presentar achados científicos e tecnolóxicos en Galiciencia 2014
Compartir Este Artigo
