Intel xa ten finalistas do seu reto Make It Wearable (algo así como Faino Posible). Neles atópase a iniciativa catalá First V1sion, un novo sistema de retransmisión deportiva que posibilita a aparición do punto de vista do xogador en todo tipo de deportes. Esta proposta, acelerada por Wayra Barcelona (Telefónica), foi seleccionada o pasado 29 de agosto para engrosar a devandita listaxe do certame de Intel, un dos concursos de meirande renome no eido internacional das novas tecnoloxías. First V1sion permítenos ver o que ven os deportistas, ao integrar o seu sistema de transmisión na camiseta dos mesmos. Trátase dunha innovadora achega de visión subxectiva. Os seus desenvolvedores sinalan que o xogador apenas é quen de sentir o equipamento que carreta mentres retransmite.
Volvendo ao reto Make It Wearable, Intel salienta que este ano acadouse novamente unha incrible presenza de empresas europeas: máis da metade dos grupos participantes. O primeiro premio será de 500.000 dólares. Para a multinacional, os dez finalistas (entre os que se atopa a empresa catalá devandita) están a levar o máis lonxe posible “os límites da innovación”, cunha serie de conceptos do máis variado que van dende unha cámara voadora a proxectos de robótica de vangarda. Os gañadores serán anunciados o 3 de novembro en Nova York. As apostas de Intel valoran positivamente as achegas procedentes de Alemaña, Polonia, España e Reino Unido.
A continuación, damos conta das iniciativas europeas que máis destaca a compañía.
· BabyBe (Alemaña). Trátase dun colchón biónico que mantén a mamás e bebés conectados durante o período de incubación artificial, transmitindo información táctil desde a nai ao cativo en tempo real, reducindo así a tensión na contorna artificial da incubadora e proporcionando á nai un papel activo no coidado do seu fillo prematuro.
· ProGlove Concept (Alemaña). É unha ferramenta de produción para levar posta e baseada nun sensor avanzado. O seu obxectivo é axudar aos usuarios profesionais dentro dunha contorna de produción a gran escala para realizar as súas tarefas de forma máis ergonómica e eficiente, mediante a combinación de múltiples instrumentos nunha luva, optimizando o proceso de produción e aforrando custos.
· First V1sion (España). First V1sion ofrece o punto de vista dos xogadores, mediante a integración dunha cámara e dun sistema de transmisión nunha camiseta optimizada para deportes. Desta maneira, podemos ver o que ven os xogadores onde antes non era posible: en baloncesto, fútbol, tenis, etc.
· Open Bionics (Reino Unido). Iniciativa para crear unhas mans protésicas robotizadas e de baixo custo. Cos avances en materiais e en impresión 3D, o seguinte paso será a elaboración dunha man de menos de $100 para países en desenvolvemento de todo o mundo.
· Snowcookie (Polonia). Trátase dunha plataforma electrónica persoal que, combinada cun smartphone, avalía de forma dinámica a fisioloxía e a cinética do usuario, incorporando a esta información datos ambientais facilitados por outros usuarios.
· Vumbl (Reino Unido). Vumbl é un colar para deportes e actividades que monitoriza a información corporal a través das vibracións, e transmítenos estes datos mediante tecnoloxía táctil.
· Blocks (Reino Unido). Trátase dunha plataforma aberta de hardware e software para tecnoloxía wearable. Cada bloque desta pulseira intelixente pode ser un sensor, unha pantalla, un procesador ou unha batería.
A tecnoloxía que nos permite poñernos na pel dos deportistas, finalista no concurso internacional de Intel
Compartir Este Artigo
