Non somos os mesmos antes que agora. En cuestión de uso da Rede, esta diferenza aínda é máis marcada. Se hai ben pouco nos conformabamos con conectarnos no computador e empregar o correo electrónico e ver a prensa en liña, agora xa non hai quen nos saque de enriba o costume de acceder a Internet dende múltiples dispositivos ou tipos de conexións. Segundo se extrae do estudo Hábitos de seguridade multidispositivo en España 2014, feito por Kaspersky Lab, os internautas do territorio estatal están van “cambiando a pasos de xigante”. Isto significa, entre outras cousas, que os seus posibles problemas no seu día a día de usuarios TIC xa non diferentes aos dos demais. Deste xeito, ao igual que no resto de Europa, baixou o número de ordenadores infectados.
Con todo, hai cousas nas que se despunta. Así, o estudo sinala que o 92% dos cidadáns do país usa máis dun dispositivo para conectarse a Internet, “unha cifra moi superior á media europea, que é dun 79%”. Cando se conectan, os enquisados sinalan que tiran partido dos seus dispositivos “para todo tipo de actividades”, entre as que cómpre salientar as transaccións financeiras e o uso do correo electrónico e redes sociais. Máis polo miúdo, o 75% dos enquisados utiliza servizos de banca en liña, o 66% merca por Internet, o 97 % usa o correo electrónico e o 74% ten actividade en redes sociais.
Na investigación tamén se sinala que a medida que se incrementan e estenden estes hábitos, medra a consciencia sobre os riscos posibles. Unha proba disto, dise, é que ao longo do último ano o número de computadores infectados por algún tipo de malware recibido a través do correo electrónico descendeu do 11% ao 8%. O informe tamén sinala que fica traballo por facer, aínda que o camiño sexa o correcto (o camiño dunha meirande e cada vez máis estendida precaución). Por exemplo na percepción que se ten de Android e dos dispositivos que empregan este sistema. Para Kaspersky, ben sexa por unha menor consciencia do risco, ben sexa porque as infeccións polo xeral se relacionan con Windows, está claro que existe un número inxente de trebellos con Android que operan desprotexidos. De feito, dise, só a metade dos seus usuarios emprega solucións de seguridade nos mesmos, fronte ao 80% dos computadores de sobremesa.
Descende en España o número de computadores infectados
Compartir Este Artigo
