A Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo (Departamento de Enxeñaría de Sistemas de Automática) vai organizar os días vindeiros, do 3 ao 7 de novembro, a sexta edición das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI 2014). As xornadas, que contarán co apoio de entidades como a Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia), desenvolverase no centro Centro Social AFundación de Vigo (Policarpo Sanz 24-26), onde se dará acubillo, durante case unha semana, a empresas punteiras do sector da automatización industrial e a enxeñaría, a estudantes, a investigadores, a emprendedores e a colaboradores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e do ámbito iberoamericano.
Os asistentes compartirán visións e experiencias acerca dos novos vieiros polos que discorre a automatización, as solucións de software máis avanzadas, as posibilidades de emprego do sector ou, tamén, as novas aplicacións tecnolóxicas (como por exemplo a incorporación das Google Glass e os drons na actividade industrial). Por enriba de todos os obxectivos, o que se busca coas JAI é favorecer o máximo achegamento entre os representantes do sector e os seus futuros integrantes (estudantes, licenciados e emprendedores á procura do seu sitio no tecido produtivo innovador e pertencentes á devandita Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a toda Iberoamérica). Falamos de favorecer a inserción laboral no alumnado ligado a estas especialidades, ao tempo que se achegan, dende estas novas sesións das JAI, as máis importantes novidades tecnolóxicas sobre aquelas.
As JAI 2014 exporán en detalle as novas correntes da automatización industrial
Compartir Este Artigo
