Do 22 ao 26 de setembro temos unha cita na Coruña para coñecer de primeira o que están a facer os nosos profesionais da innovación para que o tecido produtivo galego sexa un referente, precisamente, de creatividade. Falamos da celebración do segundo aniversario do espazo de coworking WeKCo, na que participarán, a través de cinco días de sesións de portas abertas, boa parte dos nosos autónomos, traballadores por conta propia (freelance), PEME e emprendedores do ámbito das novas tecnoloxías e sectores lindeiros. Polas actividades previstas, para as que xa nos podemos inscribir na web de WekCo, pasarán algúns (senón todos) dos sesenta emprendedores e autónomos que traballaron ou traballan nas instalación deste novo espazo de traballo.
Lembrar que WekCo xurdiu da man de Juan Diego Pereiro Areán como alternativa “ao traballo desde casa”, achegando aos emprendedores a posibilidade de teren un espazo laboral de seu e rodeárense de profesionais cos que complementarse e abordar proxectos. O seu obxectivo é crear unha comunidade de colaboradores e facilitar traballo en rede (networking) de calidade.
Recordar tamén que ao longo destes dous anos, promoveuse activamente a organización e patrocinio de eventos tecnolóxicos de e para emprendedores: Betabeers, iWeekend, Laconnetwork, Iniciador Galicia, Worldwide JellyWeek, Megathon Windows 8, OntheRoad Galicia, StartupBus Spain, The AppTeam, FIC OnDev 2013, Betabeers,…
Volvendo ás actividades previstas para a celebración, sinalar que unha das datas máis sobranceiras será a do día 24: unha xornada cargada de relatorios de interese. A xeira de charlas está prevista que comece cun almorzo tecnolóxico sobre “viaxes no tempo” en compaña de Frankie Gómez (Confirmsign) para logo enfiar cara a un distendido xantar en inglés e, logo, xa pola tarde, proseguir cun webinar a cargo de Rodolfo Carpintier (DADE) e unha startup experience da man de Manu Noya (Linknovate), que falarán, respectivamente, sobre consellos para obter o primeiro financiamento dunha empresa e para conquistar Silicon Valley sen que o Silicon Valley nos leve por diante. Por certo que o día 25, de 19.30 a 21.30, está prevista a celebración dun obradoiro de fotografía da man de Miguel Méndez Barreiro (Fai da túa cámara unha arma profesional), e o día 26 un interesante relatorio a cargo de Diego Silva, a partir das 10.00 horas, sobre como obter fotos profesionais para perfís sociais.
WeKCo celebra os seus dous anos de vida con cinco días de relatorios e obradoiros
Compartir Este Artigo
