Vodafone España informou os días pasados que xa achega cobertura 4G en 25 países, un servizo dispoñible ao cen por cen para os clientes do ámbito estatal. A operadora tamén salientou que dos devanditos países 16 están en Europa, e tamén que en virtude da internacionalización do dito servizo e dos convenios formalizados alén das fronteiras, a compañía é arestora “a operadora do mercado español que ten máis acordos con firmas doutros países para achegar 4G en itinerancia”.
A listaxe é a seguinte: Alemaña, Austria, Francia, Eslovenia, Bélxica, Croacia, Grecia, Holanda, Italia, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa, Romanía e Suíza, así como en Estados Unidos, Xapón, Rusia, Corea do Sur, Brasil, Hong Kong, Nova Zelandia, Taiwán e Singapur.
Segundo engade a operadora, os clientes de Vodafone España poderán conectarse nos países devanditos a velocidades que oscilan entre os 150 Mbps en descarga e os 50 Mbps en suba de datos a Internet. “Esta mellora”, engade a empresa, “non supón custo adicional na tarifa de itinerancia (roaming) que teña contratada o cliente”.
Os clientes de Vodafone España dispoñen de cobertura 4G en dúas ducias de países
Compartir Este Artigo
