A aplicación galega Emoji & Face, desenvolvida polo emprendedor galego Adrián Rodríguez, vén de ser obxecto dunha actualización que tende pontes para que os personaxes chamados Moonslimes tomen os dispositivos intelixentes e lles dean un “toque divertido” ás emoticonas. Así nolo conta o propio Adrián, que engade que o seu propósito, con esta actualización, era afastarse (e afastarnos) dos clásicos (e manidos) círculos amarelos das figuras tradicionais. Pola contra, os Moonslimes irrompen neste ámbito achegando a súa feitura de seres xelatinosos e viscosos que lembran, sen dúbida, á consistencia dun xogo típico dos anos oitenta: o Blandi Blub.
A historia da chegada destes seres extraterrestres (os Moonslimes) á plataforma Emoji & Face aparece relatada ao detalle na propia web desta aplicación, lista para a súa lectura en castelán, inglés e chinés. A lenda, sinala Adrián, ten catro protagonistas (Ben, o exitoso; Sumiko, a guerreira; Daniel, o alegre; e Jamila, a dócil) con tendencia a meterse en todo tipo de situacións divertidas, cousa visible nas propias figuras desenvolvidas (podemos velos facendo actividades comúns como rirse ou durmir, ou mesmo bebendo unha cervexa). Todos eles, engade Adrián, “teñen en común que son alegres e visualmente rechamantes, co obxectivo de dar un novo aspecto ao ámbito das iconas emocionais”.
Os Moonslimes xa están dispoñibles en Apple Store. A aplicación permite compartir a estes seres doutro planeta con calquera usuario a través de todas as apps de mensaxería, redes sociais ou correo electrónico. Ademais, conta cun teclado de balde para que o instalemos no noso iPhone e teñamos “todas as nosas emoticonas accesibles desde calquera aplicación”.
Emoji & Face
O servizo Emoji & Face é, en palabras do emprendedor galego Adrián Rodríguez, a única aplicación do mundo centrada en emoticonas xeométricas. Tanto en significado coma en implicacións, os seus símbolos van alén do coñecido ata o de agora, adoptando múltiples, variadas e innovadoras feituras: triángulos, cadrados, pentágonos, hexágonos, rombos ou estrelas, “dando vida a personaxes de distintas culturas e razas”, explicaba Adrián no intre do seu lanzamento.
A aplicación galega Emoji & Face leva divertidos extraterrestres ás emoticonas
Compartir Este Artigo

