O pasado xuño o Xulgado Mercantil nº 11 de Madrid determinou medidas cautelares contra a coñecida páxina web galega Rojadirecta, dende a que propuxeron unha caución de 10.000 euros en concepto de depósito por “posibles prexuízos” que foi considerada inadmisible por Mediapro, compañía que se opuxo tallantemente á proposta, asegurando que de estimarse unha medida semellante a cantidade económica que habería que depositar tería que estar preto dos 100 millóns de euros.
Dende Mediapro consideran que Rojadirecta non só é unha páxina web que facilita ligazóns, senón que tamén promovería e sería emisora en moitos casos de retransmisións deportivas de xeito ilegal, lucrándose de tal actividade.
Finalmente a causa trasladouse ao Xulgado Mercantil nº 2 da Coruña, que desestimou a petición de Rojadirecta, de xeito que a coñecida páxina web tería un prazo de 7 días para cesar as súas emisións e, de non facer tal, a xuíza ordenará aos operadores e provedores de Rojadirecta “que suspendan a transmisión, o aloxamento de datos, o acceso a redes de telecomunicacións ou calquera outro servizo equivalente”, de xeito que o 5 de decembro sería a data límite para que os contidos da Liga de Fútbol Profesional poidan verse a través de Rojadirecta.
A xuíza considerou que “Rojadirecta está a actuar de xeito que incorre en competencia desleal” e, de non levarse a cabo o peche, estaría xerando un dano económico importante a Mediapro, quen posúe os dereitos actuais de retransmisión dos partidos de fútbol da LFP, pero dende Rojadirecta negan en todo momento que sexan responsables das retransmisións en liña e aseguran que a súa fonte de ingresos é a promoción dos partidos e doutras actividades deportivas.
Queda agora por ver que é o que acontecerá con Rojadirecta, espazo web que actualmente figura no segundo posto do noso Top 100 de páxinas web galegas máis populares segundo Alexa, véndose só superada por Zara, e sendo incluso capaz de imporse a La Voz de Galicia na web, conseguindo unha importante distancia da páxina web da cabeceira de prensa. Esta páxina web xa se enfrontou a numerosas actuacións xudiciais e a bloqueos de distinto tipo, saíndo ata o momento ben parada das actuacións na súa contra.
A semana que vén poderían emprender medidas cautelares contra Rojadirecta
Compartir Este Artigo
