Celebrouse finalmente o 3DPrinting Day, un evento mundial para visualizar a importancia e as posibilidades da impresión en 3D, e a nosa terra tamén se quixo sumar aos festexos. Máis polo miúdo a Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, como ben avanzamos hai uns días dende Código Cero. As actividades desenvolvéronse na entrada da cafetería da escola coincidindo coa dita celebración internacional, este xoves. A EPS achegou un programa “lúdico e divulgativo” da tecnoloxía e das aplicacións da dita técnica de impresión. Segundo informan fontes do centro, o encontro converteuse “nun improvisado foro tecnolóxico polo que pasou numeroso público ao longo de toda a xornada”. Esta veu da man do equipo de dirección da EPS, o programa A Ponte do Campus de Lugo e os profesores e investigadores Rosana Guerra, Mariluz Gil e Juan Ortiz.
As sesións comezaron a primeira hora da mañá e estendéronse ata ben entrada a tarde. Informouse, en directo e dunha maneira visual e participativa, de como traballan as impresoras 3D e achegáronse múltiples datos prácticos sobre as aplicacións e potencialidades destas tecnoloxías para os eidos da docencia e a investigación, así como para o desenvolvemento da actividade profesional de todas as titulacións que oferta USC no seu Campus de Lugo.
O profesor da USC Juan Ortiz Sanz participou arreo salientando “as múltiples utilidades que presenta a impresión en 3D, xa que se trata dunha tecnoloxía accesible e que cada vez resulta máis empregada para moi diversos ámbitos, desde a fabricación de pezas para o motor ou para a aeronáutica, o patrimonio, a xeomática, a tecnoloxía de alimentos e culinaria, as aplicacións veterinarias, a enxeñaría, o deseño, a medicina, etc”. Ortiz fixo fincapé, tamén, no éxito de público recibido nesta primeira edición do 3DPrinting Day, “unha iniciativa na que se empregaron dispositivos máis ou menos sinxelos cuxo uso xa se está a xeneralizar nos distintos centros educativos preuniversitarios”. Todas as persoas que participaron nos obradoiros programados foron obsequiadas cun logo da USC impreso en 3D.
O Campus de Lugo celebrou con demostracións lúdicas o Día da Impresión en 3D
Compartir Este Artigo

