O salón Culturgal das industrias culturais galegas que se celebrou a pasada fin de semana en Pontevedra (xuntando unhas 14.500 persoas) contou por vez primeira coa presenza da Deputación da Coruña, máis polo miúdo da vicepresidenta Goretti Sanmartín e do responsable da Área de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico, Xosé Regueira, amais doutros representantes da entidade. Ademais, o organismo provincial dispuxo de emprazamento físico de seu, un espazo expositivo onde amosou algunhas das actividades desenvolvidas e apoiadas pola súa Área de Cultura (festividades, certames, iniciativas de promoción cultural). Nun plano máis concreto, a Deputación deu a coñecer programas propios como por exemplo a plataforma de préstamos de libros en soporte dixital Ebook Dicoruna e a aplicación de seu para dispositivos Android e iOS.
Estes recursos foron dados a coñecer pola técnica da Biblioteca, María Lema, que o sábado participou no espazo O recuncho do ebook lembrando que Ebook Dicoruna é a plataforma que pon a disposición dos lectores, dixitalmente, os libros electrónicos da Biblioteca Provincial do organismo coruñés. Grazas a esta iniciativa, “posibilítase o préstamo das principais novidades editoriais en formato dixital e de balde, para a lectura a través de teléfonos intelixentes, tabletas, lectores de libros electrónicos ou computadoras”.
A maiores, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, felicitou a organización do Culturgal polo que supón “de espazo xa imprescindible para a promoción da nosa cultura e de encontro de axentes e industrias culturais e institucións que dedican especial atención a un sector vital para o noso futuro como é o cultural”. Ademais do balance positivo desta primeira participación da Deputación no Culturgal, anunciou que, de cara vindeiras edicións, afondarán na liña iniciada de ofrecer o espazo expositivo “para se converter en plataforma de promoción dos principais eventos promovidos por concellos que non teñen posibilidade de contar con presenza propia na Feira”.
A Deputación da Coruña presentou a súa plataforma de libros dixitais en Culturgal
Compartir Este Artigo

