Con vistas á celebración do Nadal e tendo en conta ata que punto nestas festas os xoguetes pasan a ser protagonistas materiais, a Deputación de Pontevedra vén de lanzar unha campaña para loitar contra a inxente cantidade de estereotipos e prexuízos que adoitan acompañar ao mercado dos brinquedos. A campaña, que se acompaña dun decálogo para a adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos, pon o punto de mira nos brinquedos tradicionais pero tamén nos que son propios dos tempos dixitais.
Segundo fixo saber na presentación da iniciativa a presidenta da Deputación, Carmela Silva, agora que se achegan as compras de Nadal é o intre axeitado “para realizar un chamamento á reflexión sobre a adquisición de xogos, xoguetes, libros ou videoxogos para as cativas e os cativos”. Para Silva, esta é unha boa oportunidade para impulsar “a compra de brinquedos non sexistas e non violentos”.
E engade: “Só así poderemos crear unha sociedade máis igualitaria e xusta entre mulleres e homes, con rapazas e rapaces que aprendan a dialogar e a vivir xuntos en paz, a ser máis creativos, a ter os seus propios criterios, a xogar en liberdade sen estar orientados, desde o berce, a realizar determinadas actuacións ou comportarse dun modo concreto”. Respecto dos produtos tecnolóxicos e as aventuras gráficas, a Deputación incide na importancia de fomentarmos, dende a familia, a importancia de elixir videoxogos que non potencien a violencia. Deste xeito, explícase na campaña, “educaremos para resolver problemas de xeito positivo, construtivo e creativo”. Asemade, a iniciativa fai fincapé no relevante que é, con vistas a traballarmos a prol dunha sociedade máis igualitaria, buscar “libros, xogos, videoxogos e xoguetes nos que se nomeen e estean presentes as nenas e os nenos”.

