A Dirección Xeral de Administración Local e a AMTEGA veñen de habilitar, en colaboración coa FEGAMP, unha plataforma web para que os concellos galegos teñan maiores facilidades para cumprir cos preceptos recollidos na Lei de Transparencia, que entra en vigor mañá. O Portal de Transparencia estará aloxado na web eidolocal.gal e os municipios que o desexen poderán usalo para facer pública a información á que están obrigados pola nova normativa estatal en vigor. Así mesmo, aqueles concellos que optasen por poñer en marcha un portal propio tamén poderán aproveitar esta aplicación para enlazar nela as súas propias páxinas.
A Xunta de Galicia tamén está a ultimar un Portal de Transparencia de seu, co obxectivo de telo operativo en canto entre en vigor a Lei galega de Transparencia e Bo Goberno, actualmente en fase de tramitación parlamentaria.
O Portal de Transparencia dará acceso a través dun punto único, directo e centralizado a todos os datos actualmente dispersos polas distintas páxinas web doutros departamentos e ás novas obrigas de publicidade activa. O seu acceso será de balde, reutilizable e dispoñible en galego e en español. Tamén no eido da transparencia, mañá mesmo distintos expertos analizarán esta cuestión na EGAP no curso A posta en marcha da transparencia activa e pasiva.
Unha plataforma web facilitará que os concellos cumpran coa Lei de Transparencia
Compartir Este Artigo

