Temos nova web sobre e para o noso audiovisual, unha fonte inesgotable de información, coñecemento e experimentación. Estamos a falar da páxina Novo Cinema Galego, un sitio que, como o seu nome indica, é un acubillo de datos para todas e todos os que queiran dar conta das películas e series que saen arestora da nosa terra e, tamén, das prácticas e metodoloxías innovadoras que se poñen en xogo, hoxe, para facer cinema dun xeito diferente (facendo posible o que ata hai ben pouco e polos vieiros tradicionais, era imposible). A web é, de feito, unha festa do alternativo, unha escolma de todas aquelas producións que se saen dos “criterios comerciais convencionais”. Diríxese, de cheo, a apostar polos novos xeitos de crear, rodar, producir, distribuír e amosar.
Por certo que nesta fin de semana (a que vai do 11 ao 13 de decembro) vaise presentar oficialmente o proxecto na Casa das Campás de Pontevedra (o domingo 13 ás 12.00 horas), no marco da edición 0 do Festival Novos Cinemas na Cidade do Lérez.
Segundo adiantan os responsables da páxina, un dos obxectivos fundamentais da iniciativa é “servir como base de datos e punto de encontro na Rede de todas aquelas maneiras de entender o cinema de xeito diferente ao tradicionalmente establecido”. Trátase pois dun acubillo de información sobre a creación fílmica dende a independencia creativa galega. Hai artigos, documentación e fichas. A web vén da man de Álex Bragaña, Xurxo González, Beli Martínez, Alberte Pagán e Bárbara Primo. Xa que se trata dun proxecto no que se aposta por informar de novas formas cooperativas de crear (formas que en realidade veñen de moi antigo), o equipo impulsor ten as portas abertas para a chegada de novos membros.
En marcha unha web sobre a nosa disidencia audiovisual, Novo Cinema Galego
Compartir Este Artigo

