Finalmente entregáronse esta semana os galardóns da edición numero 15 do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos que organizan Expourense e máis a Escola Superior de Enxeñaría Informática. No certame, máis polo miúdo, impuxéronse un videoxogo para zurdos e un sistema de detección de trastornos neurometabólicos. O concurso diríxese a recoñecer os mellores traballos fin de grao e de mestrado do alumnado das universidades galegas e do Norte de Portugal que cursen titulacións da área de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). Todos os seus galardóns foron outorgados a estudantes da Universidade de Vigo.
O acto de entrega celebrouse no Campus de Ourense nun acto que contou coa participación de Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Emma González, directora adxunta de Expourense, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense. Garriga, González e Fernández coincidiron en salientar a utilidade do concurso para ligar as actividades de investigación e desenvolvemento da Universidade no terreo da informática e as telecomunicacións, por unha banda, co mundo empresarial, pola outra. E todo, engadiron, “sensibilizando ás empresas sobre o que lles pode achegar a aplicación da innovación e a investigación para o aumento da produtividade e da competitividade e estimulando a capacidade innovadora dos estudantes para desenvolver proxectos cunha visión empresarial”.
O primeiro premio da Modalidade A recaeu no traballo Rock Bird, de Iván Trigos, alumno do Máster en Enxeñaría Informática, da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense. O seu traballo consistiu na preparación e elaboración dun videoxogo adaptado ao sistema operativo. Trátase dunha aventura gráfica que ofrece a posibilidade de adaptar a pantalla para xogadores zurdos. Esta aplicación estará dispoñible proximamente para descarga gratuíta na Play Store de Android.
Na Modalidade B o primeiro premio foi para o traballo Sistema para a detección de grandes insercións e eliminacións xenética e axuda ao diagnóstico de trastornos neurometabólicos, de Nuria Canle, do grao en Enxeñaría Informática do Campus de Ourense. Trátase dunha ferramenta deseñada para servir de axuda nas análises xenómicas, para axilizar o traballo dos xenetistas e para axudar a diagnosticar máis decontado trastornos como o autismo ou o cancro.
O segundo premio foi para Nicolás Vila, do Grupo MILE, polo proxecto GVarvi, un software de adquisición de sinais de frecuencia cardíaca en resposta a estímulos audiovisual, e o accésit para Santiago Iglesias, do Grupo LIA2, polo proxecto Software para o recoñecemento de características de nanotubos.
Ademais, e como unha das novidades desta edición, a Deputación de Ourense entregou o premio Provincia Intelixente, que recaeu en Nicolás Ladero polo traballo Deseño, implantación e validación dun sistema de recoñecemento de fontes sonoras sobre un SBC. Por último, o premio para o proxecto con máis seguidores en Facebook foi para Nicolás Vila. Nesta 15ª edición repartíronse un total 1400 euros en premios.

