A semana pasada celebrouse no salón de actos do edificio Abanca Obra Social en Santiago de Compostela un encontro sobre o reto das novas tecnoloxías para as institucións públicas (o seminario Transformación dixital das administracións públicas en Galicia). Na sesión, que contou coa presenza de expertos en informática e xestión tributaria e económica, participaron (entre outros) Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (amosando os desafíos e estratexias do Plan de Goberno Dixital 2020) e máis Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, quen clausurou o seminario cunha exposición das iniciativas que está a desenvolver a entidade en materia de eAdministración e ao abeiro do concepto Provincia Intelixente.
Baltar lembrou que a administración do século XXI “ten que ser electrónica porque senón non será administración” e engadiu que os servizos públicos tradicionais “deben mudar en favor do inmediato, da celeridade e da sinxeleza a prol dos cidadáns, para que cada persoa leve no peto, no seu dispositivo móbil, a posibilidade de facer calquera tipo de xestión administrativa”.
Tamén fixo saber que a dixitalización das administracións “ten moito que ver coa participación cidadá, coa rendición de contas e coa transparencia, ámbito este no que tamén o Goberno provincial de Ourense é unha referencia e estamos á vangarda”. Ao fío disto, Baltar debullou as novidades acabadas de incorporar á Administración provincial, entre as que figuran a retransmisión en directo dos plenos, das comisións informativas, do sorteo dos membros dos tribunais das probas de acceso ao emprego público ou das aperturas de plicas das mesas de contratación. Tamén falou da vídeo-acta e “da posta en marcha da primeira plataforma provincial de participación cidadá, que figura no Plan de xestión e estratexia operativa da Deputación, Ourense 15-19”.
Igualmente, lembrou a iniciativa impulsada conxuntamente coas deputacións de Zaragoza, Castelló e Girona: o primeiro Foro interprovincial de innovación, un ente que ten como obxectivo manter unha canle continua para favorecer a transferencia de experiencias e coñecemento entre persoas e institucións.
A Deputación de Ourense expón en Santiago o seu modelo ideal de eAdministración
Compartir Este Artigo

