Que iOS 9 incorporase filtros de contidos no seu navegador web, facilitando o bloqueo de publicidade, foi bastante polémico, e agora é Samsung a compañía que vai polo mesmo camiño, xa que a última actualización do navegador que inclúen de serie os móbiles de Samsung con Android 6.0 (que máis adiante chegará tamén a Android 5.x) incorpora a posibilidade de instalar bloqueadores de contido.
O primeiro bloqueador para o navegador de Samsung é Adblock Fast, aplicación de balde e de código aberto, tamén dispoñible para iOS e para as versións de escritorio de Chrome e Opera, que como argumento para a súa instalación ten a velocidade de carga das páxinas web, xa que a instalación deste engadido para o navegador web podería reducir os tempos de carga nunha media do 51%. Crystal, outro popular bloqueador para iOS, tamén está dispoñible para Samsung Internet 4.0 dende a Play Store.
Polo momento non pode preverse o número de usuarios de teléfonos de Samsung empregarán bloqueadores de contido agora que están dispoñibles, especialmente porque moitos usuarios optan por empregar Google Chrome en vez do navegador web incluído de serie no móbil, pero a popularización deste tipo de tecnoloxías supón un reto cada vez maior para os editores de contido na web, que ven como os usuarios bloquean os anuncios, o que afecta seriamente aos seus modelos de negocio actuais.
O navegador web dos móbiles de Samsung abre a porta aos bloqueadores de publicidade
Compartir Este Artigo
