Unha nova polémica rodea aos smartphones de Apple, xa que aseguran que milleiros poderían quedar inutilizados por mor dunha actualización do seu software que faría emerxer o erro 53 ou, simplemente, impediría a actualización ou restauración do dispositivo, e que sería consecuencia de que iOS comprobaría se o sensor Touch ID do dispositivo coincide co resto de compoñentes durante o proceso de actualización ou restauración, para poder protexer o dispositivo e as funcións de iOS relacionadas con Touch ID, e de fallar a verificación, impediría o uso do trebello por motivos de seguridade.
A propia páxina web de Apple advirte de que este erro pode estar provocado por substitucións de pantalla non autorizadas ou realizadas indebidamente (ou sexa, por substituír o botón de inicio ou o seu cable por un compoñente non orixinal), ou sexa, que o feito de que o sensor de pegadas dixitais do iPhone inclúa medidas de seguridade, vetaría as reparacións de pantallas por parte de terceiras compañías, o que claramente resulta polémico e incluso podería ser totalmente ilegal en moitos mercados.
Ao parecer, este erro non estaría presente ata a última versión de iOS e, de feito, os terminais que foron reparados por servizos técnicos non oficiais hai semanas ou meses serían agora cando amosarían o polémico código de erro ao intentar actualizarse, e aseguran que a reparación do mesmo podería ter un prezo próximo ao dun smartphone novo, xunto cunha grande molestia: ao bloquearse o terminal ao aparecer o erro 53, moita da información almacenada no dispositivo (que non contase con copia de seguridade) perderíase (xa que no proceso de reparación devolven ao móbil á súa configuración pre-determinada).
Se ben Apple ten motivo para coidar a seguridade do Touch ID (especialmente porque pode empregarse con Apple Pay), debería alertar aos usuarios que actualizar dispositivos nos que o sensor foi manipulado de xeito irregular podería deixar o terminal inservible.
Queda agora por ver as medidas que Apple tomará para que este problema que parece ser principalmente de información, xa que resulta evidente que a manipulación indebida dun terminal pode anular a súa garantía, e o uso de compoñentes non orixinais podería desactivar a funcionalidade do Touch ID, pero de aí a bloquear totalmente un terminal sen advertir previamente ao usuario hai unha grande diferenza. Como contraste temos que no caso de dispositivos Android, cando temos unha versión do sistema operativo cociñada ou rooteada, certas funcionalidades como os pagamentos a través do móbil ou o acceso a certos servizos con DRM poden verse bloqueados, pero iso dista moito de deixar o dispositivo totalmente inservible.
Unha actualización deixa inservibles os iPhone co botón de inicio non oficial
Compartir Este Artigo
