O sector da prensa no Reino Unido está a tremer tras o anuncio de The Independent de deixar de publicar en marzo a súa edición en papel para centrarse na súa versión dixital, sendo o primeiro grande xornal nacional en dar este paso. Asegura que son o xornal de calidade co crecemento máis rápido na web no Reino Unido (un 33% nos últimos 12 meses, chegando aos 70 millóns de usuarios únicos globais), e esperan que manter o medio exclusivamente no eido dixital permita garantir a súa sustentabilidade e rendibilidade (confían en incrementar os seus ingresos un 50% durante o presente ano).
O propietario do xornal, Evgeny Lebedev, asegura que “a industria da prensa está a mudar, e o cambio está conducido polos lectores. Eles amósannos que o futuro é dixital. Esta decisión preserva a marca The Independent e permítenos continuar a investir en contidos editorial de alta calidade que atrae cada ves a máis lectores ás nosas plataformas en liña”.
Dentro destas medidas tamén anuncia que a páxina web i100.co.uk, destinada a atraer a un público mozo, mudará a indy100.com como un medio independente e innovador con miras a un xornalismo global. Aínda que non deron detalles sobre como afectará aos preto de 150 traballadores a tempo completo da compañía esta reestruturación, témese que haxa unha forte redución do cadro de persoal da histórica cabeceira de prensa.
The Independent convértese no primeiro gran diario británico en abandonar o papel
Compartir Este Artigo
