Nos últimos meses encruou a loita entre creadores de contidos e bloqueadores de publicidade, especialmente pola incorporación deste tipo de filtros en dispositivos móbiles como o iPhone, aínda que as compañías que desenvolven este tipo de solucións poderían avanzar a un ritmo moito máis rápido do previsto se atendemos ao anuncio de que o operador Three en Reino Unido e Italia está a traballar na integración na súa rede móbil a tecnoloxía desenvolvida por Shine, de xeito que poderían ser os propios operadores de telefonía os que ofrecesen o bloqueo de publicidade como un xeito de que as páxinas web carguen máis rápido no móbil e resulten menos molestas.
Dende Three aseguran que actualmente o exceso de publicidade no móbil está a lastrar a experiencia dos usuarios, e consideran que os clientes non “deben pagar polos consumo de datos por anuncios no móbil”, de aí que traballen nunha solución para que os usuarios poidan optar por mellorar a súa experiencia de uso restrinxindo a publicidade que reciben nos seus smartphones.
Dende Shine confían que a finais de ano sexan centos de millóns de usuarios os que poidan optar por facer uso da súa solución de bloqueo publicitario, aínda que queda moito por avanzar para tal obxectivo (xa que Three só ten no Reino Unido uns 8,8 millóns de usuarios).
A implementación da tecnoloxía de Shine en Three persegue eliminar o consumo móbil provocado pola publicidade; protexer a privacidade e a seguridade dos seus clientes; e afastar os anuncios irrelevantes, indesexados, intrusivos e excesivos. Argumenta así a operadora que os seus clientes só deberían recibir anuncios do seu interese que non degraden a súa experiencia de uso móbil, dando así a entender que non perseguen eliminar toda a publicidade da web, senón que darían aos usuarios certas opcións de control, de xeito que poidan decidir o tipo de datos que recibirán.
Three integrará na súa rede móbil tecnoloxía de bloqueo de publicidade
Compartir Este Artigo
