Os coches autónomos de Google presumen da súa seguridade, e durante as súas probas ata o momento sempre se culpaba a outros condutores en caso de accidente (normalmente por impacto dun vehículo que non respectaba a distancia de seguridade), pero agora sorprende dando conta do primeiro accidente dun coche autónomo contra un autobús urbano que, aínda que foi un impacto leve, da conta de que a seguridade total é imposible, e que os coches autónomos padecerían os mesmos accidentes que os condutores humanos en condicións nos que poidan acontecer reaccións inesperadas, xa que os vehículos prográmanse para que se comporten como persoas ao volante.
O coche en cuestión era un Lexus RX450h que iniciou unha manobra de adiantamento dun autobús urbano por entender que o autobús reduciría a súa velocidade e deixaría incorporar o coche a outro carril, o que non pasou, rematando cun impacto que danou un lateral do bus, sen chegar a haber ningún dano persoal no accidente.
Cómpre salientar que o condutor humano do coche de Google asegurou que tamén confiaba en que o autobús reducise a velocidade e deixase ao seu vehículo pasar, e no momento do impacto o vehículo de Google non superaba as 2 millas por hora, mentres que o autobús ía a 15 millas por hora.
Dende Google xa saíron á palestra para explicar o acontecido, e aseguran que o accidente tivo lugar nunha vía moi concorrida, con varios carrís, chea de semáforos e cruces, polo que resultaba de grande axuda para o desenvolvemento dos vehículos autónomos. De feito, para as probas dese tramo introduciron comportamentos ao sistema do coche para adaptarse ás prácticas habituais dos condutores, que fan certo tipo de manobras que claramente non se axustan ao código de circulación, pero que se dan por entendidas por todos os condutores, de aí que é importante que os vehículos autónomos fagan o mesmo.
Tras o accidente, dende Google aseguran que modificaron o software dos seus coches para que entendan que os autobuses e outros vehículos de grande tamaño teñen menor disposición a facilitar as incorporacións ao carril no que circulan que outros vehículos (que é a sentenza que sacaron deste incidente).
Un coche autónomo de Google chocou contra un autobús
Compartir Este Artigo
