Un detalle que chamou poderosamente a atención entre as persoas que puideron probar o novo LG G5 durante a celebración do Mobile World Congress de Barcelona foi a ausencia do caixón de aplicacións, unha característica propia de Android dende os seus inicios, que vén a ser un espazo no que se gardan as iconas que facilitan o acceso a todas as aplicacións instaladas no dispositivo, de xeito que non é preciso organizalas todas no escritorio do terminal, seguindo así o paso de fabricantes chineses como Xiaomi (que claramente imitaban a fórmula de iOS á hora de organizar as aplicacións), pero agora non son poucos os que temen que tal opción se impoña en todos os Android, xa que un vídeo de demostración de Google Maps amosa un dispositivo sen o tradicional caixón de aplicacións, o que espertou furiosas reaccións nas redes sociais.
Os usuarios máis fanáticos de Android consideran que o caixón de aplicacións é unha prestación esencial, polo que prescindir do mesmo sería unha iOSificación de Android, o que consideran inaceptable, xa que eliminaría unha das poucas cousas que actualmente diferencian claramente a iOS de Android, aínda que tampouco falta quen asegura que eliminar o caixón supón a simplificación do sistema.
En calquera caso, estamos ante unha medida que non se adoptaría ata Android N, polo que podería considerase como unha decisión aínda non definitiva, de xeito que haberá que agardar ao Google I/O de maio para confirmar a desaparición desta funcionalidade, que tampouco sería sorprendente que se tratase unicamente dunha opción configurable polo usuario (como acontece nalgúns smartphones actualmente).
Malestar ante a posibilidade de que Android N prescinda do caixón de aplicacións
Compartir Este Artigo
