Facebook vai procurar potenciar ao máximo os seus artigos instantáneos a partiers da celebración da súa conferencia F8 o vindeiro 12 de abril, cando esta prestación abrirase ao público en xeral, de xeito que os editores de novas terán unha nova ferramenta para publicar os seus contidos n Facebook, sen que sexa preciso saír da aplicación da rede social para ler as novas nun formato optimizado a dispositivos móbiles para unha lectura máis cómoda, unha carga máis lixeira e unha aparencia máis atractiva, á vez que tamén se presenta como unha grande plataforma para tirar proveito económico desta información (xa que os artigos instantáneos integran publicidade).
Para favorecer a adopción dos artigos instantáneos dende Facebook desvelan hoxe que Automattic (a compañía detrás de WordPress) está a traballar nun engadido de balde para a súa plataforma de xestión de contidos (coa que funcionan máis da cuarta parte das páxinas web actuais) de xeito que en poucas semanas veremos como milleiros de editores disparan a súa integración con Facebook case sen esforzo.
O novo engadido para WordPress é capaz de detectar as imaxes destacadas para poder presentalas dun xeito elegante en artigos instantáneos (para permitir moverse polas mesmas a pantalla completa e inclinando o smartphone lateralmente) e tamén moitos vídeos e gráficos interactivos incrustados nas novas interpretaranse sen dificultade, facendo moi doada a adopción dos artigos instantáneos por parte de editores que non conten cos recursos para facer un desenvolvemento de seu para adoptar o novo formato de publicación promovido por Facebook.
Esta nova creación de Automattic está a desenvolverse como código aberto, polo que animan a outros desenvolvedores a contribuír coas súas achegas a este engadido que facilitará que os contidos publicados a través de WordPress poidan verse en Facebook dun xeito atractivo e innovador.
WordPress terá un engadido publicar artigos instantáneos en Facebook
Compartir Este Artigo
