O Centro de Investigación AtlantTIC (Universidade de Vigo) vén de amosar os froitos recollidos a través das dez liñas de investigación do seu proxecto Táctica. A presentación de logros e obxectivos cumpridos celebrouse onte, perante representantes do noso tecido empresarial. Na cita, os investigadores de AtllantTIC comezaron lembrando a gran razón de ser de Táctica: a xeración de tecnoloxía avanzada e o pulo á transferencia de coñecemento TIC creado na nosa terra arredor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Táctica, lembraron, contou cun investimento de oito millóns de euros achegados polo Ministerio de Economía e Competitividade e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER. Tras dous anos de traballo, en colaboración con centros e universidades estatais e internacionais, AtlantTIC pechou o proxecto con “resultados de gran valor para a industria”. Por exemplo, probas reais para a utilización de drons para uso civil, a análise da información e contidos na nube, a definición da tecnoloxía 5G ou a busca das mellores metodoloxías para incrementar a eficiencia do espazo radioeléctrico.
Nun plano máis concreto, entre os resultados da xornada celebrada na EE de Telecomunicación presentouse o desenvolvemento dunha plataforma SDR aplicada en comunicacións vía satélite desde un avión pilotado por control remoto, RPA, que mellora os sistemas de comunicación vía satélite para escenarios de mobilidade no ámbito civil con drons, vehículos, avións e barcos, mediante o desenvolvemento de algoritmos de adaptación de enlace, que permite adecuar as transmisión ás condicións nas que atopa a canle. Segundo se fixo saber, con esta tecnoloxía “redúcese a inercia doutros sistemas xa existentes, mellorando a fiabilidade na comunicación nas diferentes condicións de operación e acadando unha maior velocidade de transmisión”.
Outro dos resultados que se amosaron foron os do traballo en redes futuras de 5G, “que se agarda empecen a implantarse no ano 2020”. Estas redes, engadiu o centro vigués, teñen aplicacións nas áreas da saúde, o motor ou a enerxía, centrándose as investigacións de AtlantTIC no desenvolvemento da tecnoloxía de comunicación na banda milimétrica, ademais dunha aplicación concreta en sistemas de comunicacións vehiculares e radar para o eido do motor. No ámbito da saúde, déronse a coñecer varias ferramentas centradas en facilitar o día a día de pacientes de profesionais. Por unha banda, presentouse a aplicación BlueHeart, unha ferramenta portátil, desenvolvida para Android, destinada ao seguimento de pacientes que acaban de sufrir un infarto.
A análise de Cloud Media foi outro dos resultados sobre os que se afondou, unha liña de traballo centrada “no estudo da problemática do soporte, procesado e análise de grandes cantidades de información na nube, máis que nada información multimedia, así como o desenvolvemento dunha solución automatizada de análise de opinión para redes sociais, que ten un motor analítico de última xeración e está integrada na plataforma Big Data preparada para o seu despregue evolutivo e adaptativo na nube”.
No que atinxe aos contidos multimedia, os investigadores de AtlantTIC presentaron a plataforma web desenvolvida para a realización de buscas avanzadas de contidos audiovisuais. Esta plataforma permite asociar de maneira automática información con contidos e describilos nunha nube de etiquetas. A ferramenta posibilita a detección e identificación de conceptos, palabras e persoas a través do contido do propio arquivo, non só mediante o título ou as etiquetas coas que se identificou un documento.
O desenvolvemento de ferramentas que permiten a análise forense de imaxe e vídeo, podendo detectar arquivos manipulados ou identificar fontes de imaxe e vídeo, foi outra das investigacións presentadas, entre outras moitas achegas.
AtlantTIC fixo reconto dos seus importantes logros en tecnoloxías avanzadas e transferencia
Compartir Este Artigo

