AtlantTIC deseña tecnoloxías para facer máis eficiente o uso do espectro radioeléctrico

venres, 31 de outubro do 2014 Redacción

Aproveitar de xeito óptimo o espectro radioeléctrico segue a ser unha materia pendente. E máis a medida que medra a demanda para acadar máis prestacións dos servizos de comunicación sen fíos. O centro de investigación AtlantTIC, da Universidade de Vigo, está a traballar no desenvolvemento de recursos para explotar o dito espectro do xeito máis racional e efectivo posíbel, en primeiro lugar apostando polas tecnoloxías de radio cognitiva, que segundo apuntan os investigadores galegos son quen de permitir a transmisión sobre bandas de frecuencia asignadas a outros servizos, os servizos primarios, cando estes non as están a empregar.
Para lograr isto, informa AtlantTIC, é preciso como primeiro paso detectar a presenza ou ausencia dos usuarios primarios para despois levar a cabo a transmisión secundaria tirando proveito do espectro non utilizado polos primeiros e sen provocar interferencias. Esta investigación está a levarse a cabo polo Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións (GPSC) de AtlantTIC, que xa publicou documentación ao respecto nun número especial da revista IEEE Journal on Emerging and Selected Topics in Circuits and Systems.
Segundo engaden fontes do centro vigués, os esquemas de transmisión multiportadora, máis polo miúdo o sistema OFDM (Multiplexación por División de Frecuencias Ortogonais), afanse de xeito natural a este tipo de transmisións. De feito, explican, “OFDM divide o ancho de banda total de transmisión cognitiva en pequenas canles secundarias, de maneira que apagando aquelas outras canles secundarias de frecuencias próximas á transmisión do primario, redúcese a interferencia”.
Este proceso contribúe á eficiencia pero non a resolve totalmente. Para isto, os investigadores galegos están a botar man de sistemas como os de Cancelación Activa de Interferencia (CAI), nos que algunhas subcanles adícanse a cancelar a interferencia sobre o primario, non á transmisión de datos. “Desta maneira obtéñense melloras en eficiencia significativas”, explícase.
Con todo, o que de verdade achega o punto de eficiencia definitivo é o desenvolvemento dun novo esquema de CAI que posibilita trasladar a meirande parte do custo de computación á etapa de deseño, unha etapa fóra de liña. “Isto”, informan dende AtlantTIC, “é moi axeitado para un sistema de moi baixo custe de integración e aplicación, sen perda nas prestacións”. Ademais, o enfoque de deseño offline posibilita igualmente optimizar a elección das mellores subcanles para empregar a cancelación, cousa que fornece melloras moi significativas nas prestacións.
Lembrar que este traballo insírese na liña de investigación de comunicacións sen fíos do proxecto Tactica, en concreto nas investigacións do GPSC en radio cognitiva.

PUBLICIDADE