Chega o Primeiro de Abril e as súas tradicionais bromas en moitos países, o que na Internet faise notar con moita forza, sendo unha das compañías que nunca falta a cita Google, que este ano tivo unha recepción moi contrastada, xa que mentres algunhas das bromas foron consideradas xeniais, unha en concreto provocou máis dores de cabeza que risas, como recoñeceron dende a compañía de Mountain View, que vén de desactivar a nova funcionalidade de Gmail chamada Mic Drop.
A broma de Google consistía nunha nova opción para responder mensaxes de correo electrónico que consistía en que ao responder deixabamos cae o micrófono, ou sexa, que tiñamos un xeito un tanto ridículo de ter a derradeira palabra, xa que a nosa resposta a unha mensaxe chegaría aos interlocutores, pero nós non recibiriamos ningunha das seguintes respostas, ou sexa, que cortariamos a comunicación, o que opcionalmente pode indicarse na mensaxe cunha imaxe GIF animada na que se ve a un Minion deixando caer un micrófono.
Esta broma pretendía proporse como un xeito de atallar discusións garantindo que a nosa opinión é a definitiva, pero non se esperaba que a xente usase o Mic Drop de verdade, de xeito que os foros de axuda de Gmail enchéronse de peticións da desactivación da funcionalidade e incluso un usuario asegurou ter perdido o traballo por culpa da mesma, xa que premeu sen querer ao botón de responder usando o Mic Drop, de xeito que a súa xefa sentiuse ofendida pola animación do Minion e a falta de resposta posterior por parte do escritor profesional ante as solicitudes de corrección para o seu traballo.
Pero non todas as bromas de Google correron a mesma sorte, senón que o anuncio de que ían lanzar unha edición do seu cartón de realidade virtual fabricado en plástico si provocou bastantes risas, aínda que esta versión non só supuña prescindir do cartón das lentes, senón tamén do uso dun smartphone no seu interior, de xeito que teríamos unha solución resistente á auga, que sería compatible con aplicación móbil, ofrecería unha amplitude de visión absoluta e incluso gozaría de son de 360 graos… porque simplemente sería un anaco de plástico transparente que en vez de realidade virtual achegaría a realidade real. Unha broma bastante básica que si parecía máis propia dun día como o de hoxe.
Vídeo promocional do cartón de Google fabricado en plástico
