A Escola de Enxeñaría Industrial do Campus de Vigo acolleu onte unha actividade de demostración de intelixencia e aprendizaxe artificial. O acto, no que participaron máis dun cento de persoas (entre estudantes, investigadores e docentes), desenvolveuse ao abeiro da xira MatLab Academic Tour, edición 2016, e nel amosáronse as potencialidades e novas funcións da plataforma MatLab, entre outros produtos de MathWorks para os ámbitos do machine learning e o ensino baseado en proxectos con hardware de baixo custe. MathWorks, como recordaremos, é unha compañía referente no desenvolvemento de software de cálculo matemático para enxeñeiros e científicos, foi fundada en 1984 e ten a súa sede central en Natick, Massachusetts, Estados Unidos. A plataforma MatLab é un dos seus produtos estrela: unha contorna de programación para o desenvolvemento de algoritmos, análise e visualización de datos e cálculo numérico.
Entre os eidos principais de actividade e aplicación de MatLab figuran a aprendizaxe automática, o procesamento de sinais e imaxes, a visión artificial, as comunicacións ou o deseño de control e a robótica.
O seminario foi impartido por Lucas García, enxeñeiro de Aplicacións de MathWorks especializado en ensino automático, cálculo paralelo e información masiva (Big Data), e por Ángel Sierra, responsable de MathWorks para a comunidade académica de España e Portugal.
Sinalar tamén que froito do traballo conxunto das escolas de enxeñaría Industrial, Telecomunicación e Minas e co apoio da Universidade de Vigo, os ditos centros asinaron un convenio con MathWorks para dispoñer das ferramentas Matlab e Simulink en calquera das plataformas/sistemas. Este acordo, sinala a UVigo, “fai posible que calquera membro da comunidade universitaria dispoña dunha licenza completa para utilizar estas ferramentas, sempre con fins educativos, durante a duración do mesmo”.
Segundo fontes da institución académica galega, Matlab e Simulink empréganse amplamente, tanto na contorna universitaria como na empresa, para facilitar o desenvolvemento de capacidades para a resolución de problemas mediante a modelización e simulación.
MathWorks amosa na UVigo os seus novos produtos de simulación
Compartir Este Artigo

