A festividade Arde Lvcvs está arestora competindo en Internet con outras celebracións do ámbito estatal para acadar, coa axuda dos internautas, os primeiros postos da listaxe de festas máis populares. En total, concorren no certame Las7mejores ata 700 eventos que acadan máis ou menos puntuación dependendo dos votos que vaian achegando os visitantes-seareiros. Por certo que mentres se subía esta información á Rede, a festividade galega (que como lembraremos é unha recreación histórica dos tempos romanos) estaba xa en primeira posición da listaxe. O prazo para as votacións estará aberto ata o 31 de decembro e todos os usuarios poderán votar a través da web do concurso.
Segundo informa o Concello de Lugo, na páxina do devandito certame os usuarios poden votar pola súa festa favorita, engadir comentarios e fotografías e interactuar nun foro. A plataforma busca ademais crear unha base de datos que recolla as Festas de España, agrupadas por poboacións, o que serve como material de consulta. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, convidou a todo Lugo a votar por esta festa de recreación, declarada de Interese Turístico Galego, á que cada ano asisten máis visitantes.
O prazo para as votacións estará aberto ata o 31 de decembro. Sete días despois daranse a coñecer os gañadores dun viaxe para dúas persoas, no que gozarán dunha fin de semana dunha das sete mellores festas.
A festa Arde Lvcvs, entre as máis votadas na Rede
Compartir Este Artigo

